miércoles, 19 de junio de 2013

MEU capitán, é hora, é hora
de limpar os fanais, os astrolabios, 
deabrir as caixas de ébano,
de polir bronces, de airear
as bandeiriñas do pañol e ver
esas camas no ar de proa a popa.

É hora de prender lume na tarde!

Ter outra vez aquela hora intensa
na que era o ceo unha fogueira viva
e estaba o corazón aloumiñado
por ese instante único.

A onde se van as horas luminosas?

Só ten o corazón un cofre intacto
onde se gardan como postais vellas
esas felicidades de outro tempo
e o proer das feridas que nos deron.

É hora capitán, collamos rumbo 
de cara o tempo que ficou no olvido,
ese espello de brétemas que ás veces
se ilumina no fondo da memória
e fai brillar en lampos unha tarde
que nunca volverá. Pero está viva.

Antón Avilés de Taramancos

No hay comentarios:

Publicar un comentario