viernes, 30 de noviembre de 2012

Ao lonxe

Fronte á pena, á tristeza que sinto en ocasións, atopo os meus momentos de acougo nun discreto lugar dende onde observar o verde das pólas. Elas ás veces amósanse espidas, sen avergoñarse das súas figuras. Refúxiome nelas, as miñas árbores, deixando que o pensamento e a alma se me enchan de paz. Así lembro instantes nunca vividos, imaxes xamáis vistas, e son feliz.
Mentres camiño polo bosque, respiro os seus perfumes e observo as súas  xoias; elas, presumidas, convídanme a gozar da súa beleza resgardándome do vento e do sol. E o home aínda é capaz de crerse grande e poderoso destruíndo o que nos dá a vida.
   Vexo rebulir as muxicas.
Esta noite os xigantes que me arrolaban xa non estarán, e eu estarei un pouco máis soa, e todos estaremos un poco máis mortos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario